Primeira parada: Copenhaguen

UNHA VIAXE POR TRES CIDADES CON BICICLETAS

Bebés que durmen baixo cero

Nos países escandinavos existe un curioso costume que a quen chega de fóra é inevitable que lle choque: deixar que os bebés durman longas sestas ao aire libre incluso durante o inverno, mentres que as súas nais ou pais atenden os seus quefaceres. Incluso agora, que comeza a facer frío de verdade, vense por todas partes, nos seus carrinhos, polas rúas, diante das portas das casas, das tendas, alí onde miro, e non podo evitar sorprenderme unha e outra vez ao asexar e comprobar que efectivamente hai cativinhxs durmindo dentro, e moi felices.

Este é un deses pequenos detalles que che fan reflexionar sobre o diferentes que poden ser unhas culturas doutras, na crianza e na maternidade, e a sociedade en si. Non imaxino que na Galiza a ninguén se lle ocorrese deixar o seu bebé na rúa, exposto ao frío, ou exposto a que o rapten, por moitas vantaxes que nos digan que poida ter a cousa.

carrinho diante bar

O sorprendente é que, o Ministerio de Sanidade dinamarqués di na súa páxina web que  non existe ningún estudo científico que avale os beneficios das sestas ao aire libre,  pero as sestas son unha antiga tradición,  e toda a familia parece gozar dela, así que as propias autoridades aconsellan que os bebés durman fóra como unha “actividade ao aire libre máis”. Na súa web atopamos tamén algúns consellos de como ponhelo en práctica:

Por exemplo, os bebés non deberán durmir a sesta no exterior se fai menos de -10 ºC. Do mesmo xeito, se é durante o verán, deben estar situados nunha zona fresca, nunca expostos directamente ao sol e sempre estar protexidos dos insectos cunha mosquiteira.

É importante tamén atender ao vento e á choiva, dous aspectos fundamentais da climatoloxía neste país (no que nun mesmo día pode facer sol, nevar, chover e derreterse o xeo) e protexer aos cativos cunha lona ou tea. Durante o inverno os bebés deben levar roupa térmica (todxs van vestidas cuns monos térmicos illantes que usan ata os cinco ou seis anos) e o carrinho ten que estar illado por debaixo e polos lados para evitar que poidan entrar a auga ou frío. Se a pesar de todo isto o bebé está incómodo, por suposto, hai que levalo dentro.

Imaxino que algo si ten que ver coa adaptación ao medio. Parece lóxico que se xs cativxs se habituan a respirar o aire frío dos invernos nórdicos dende peques, de maiores non o sufrirán tanto. Pero aínda que esa era a minha tese, e a de todo aquel que chega a este país e descubre este costume, o único estudo que atopei que respalda o de durmir ao aire libre é da Universidade de Oulu (Finlandia) e o beneficio non son menos catarros, senón que as sestas dos bebés son ata tres veces máis longas se son no exterior.

De como evitar que rouben os bebés non din nada porque iso aquí non pasa. É posible que nos rouben a bici, pero un bebé non.

Tirando de hemeroteca atopei un único caso no que o bebé desapareceu, curiosamente en xullo deste mesmo ano e en Copenhaguen. Un home con problemas mentais levouse unha pequena de 12 meses que durmía no seu coche. Unha hora máis tarde o home xa fora detido e o bebé estaba de volta en perfecto estado.

carrinho tenda

Tampouco é que os bebés non estean vixiados. Aínda que queden fóra están baixo a atenta mirada dos seus pais, que ollan dende algunha fiestra ou balcón. Así o normal é que mentres que a nai ou pai toma algo nun bar vixíe dende a cristaleira o carrinho, que colocan estratexicamente apuntando cara ao interior do local. Ou, se entran nunha tenda, o carrinho queda diante do escaparate para poder botar un ollo de vez en cando. En último caso, se non hai contacto visual, dentro do carro sempre haberá un walky talky, que alertará se algo vai mal.

Aínda así os niveis de confianza tamén varían aquí, e non todo o mundo deixa aos bebés na rúa. Existen outras opcións, incluso vivindo na cidade, xa que practicamente todos os edificios tenhen un patio interior no que é moi común ver  bebés durante todo o ano, ou mesmo os balcóns das casas, que serven perfectamente para que os peques tomen o fresco.

A cuestión tamén ten algo que ver co menor proteccionismo que hai aquí coa descendencia. Por exemplo, un día paseando pola praia vin como unha nena duns 3 ou 4 anos caía da bici e aterraba (e nunca mellor dito, porque acabou coa cara literalmente na terra) contra o chan. A nena estaba ben, víase claro, pero non chorou, non se inmutou, simplemente quedou queda, tirada no chan, mirando ao infinito. Ao lado estaba o pai que tivo o mesmo comportamento. Mirouna, viu que todo ía ben e seguiu falando cunha muller que pasaba por alí. Non se agachou a collela, nin sequera lle preguntou se estaba ben. Uns minutos despois a rapaza levantouse e seguiu xogando.

Outro caso contábamo unha amiga portuguesa. O seu mozo, un rapaz dinamarqués, púxose enfermo un día, e estaba só na cidade.  Coincidiu que xusto para esas datas a súa familia vinha a Copenhaguen a visitalo, e vinheron, pero non pasaron pola súa casa, porque el tinha gripe e se o visitaban podíanse contaxiar.

carrinho bebe

Por suposto, este último exemplo, non falaba dun bebé, senón dunha persoa adulta, e tampouco é a norma, pero da boa conta de que na cultura nórdica a relación entre nais e pais coa súa prole é diferente, a dependencia é moito menor.

Para as familias escandinavas o choque cultural funciona á inversa e a sorpresa chega cando descubren que noutros países non se practica o da sesta ao aire libre. Así quedou documentado no famoso caso de Annette Sorensen, unha nai dinamarquesa detida e acusada de ponher en perigo a vida da súa filla 24 meses que quedou  durmindo no seu carrinho na rúa, mentres ela ceaba nun restaurante do East Village, en Nova Iorque. Sorensen intentou por tódolos medios explicarlle á policía estadounidense que deixar os coches dos bebés na rúa é algo normal en Dinamarca, pero a policía non a creu. Detivérona e levaron e entregaron a súa filla aos servizos sociais. Algo así como tres días despois, aclarado o asunto, retiraron os cargos e nai e filla volveron estar xuntas pero obviamente Annette Sorensen describiu o episodio como “o peor momento da súa vida” e acabou denunciando á policía neoiorquina polos danos psicolóxicos causados. Perdeu o xuízo.

Karen, unha rapaza dinamarquesa que viviu en Galiza e que fala un galego precioso, cóntame que xustamente estes días estivo a falar coa súa familia sobre as diferenzas culturais na crianza entre Dinamarca e outros países. A súa irmá vive agora en Alemanha, e parece que alí “tenhen máis medo do frío á hora de mandar fóra axs nenxs” e a súa familia está sorprendida porque no país xermano “é posible que un xardín de infancia non tenha zonas para que xs rapacxs saian xogar ao exterior” cando aquí pensa que é obrigatorio.

“Como tal, este é un costume [o das sestas ao aire libre] que reflicte ben a impresión xeral da seguridade nesta sociedade , penso que o costume non se pode transferir directamente de Escandinavia aos Estados Unidos porque o nivel de seguridade é outro; ou quizais son simplemente máis paranoicos aló?” pregúntase Karen.

Concordo con ela en que a seguridade nos Estados Unidos é outra, e tamén creo que aos iankis non lles faltan altas doses de paranoia, pero e en Galiza que? Como dicía, non me imaxino a ninguén na Galiza deixando o carrinho na porta do bar mentres toma un café.

BabiesBelowZero3

Aquí fixen trampa, a foto é de Islandia e saqueina de http://www.treehugger.com/ pero quería amosarvos como a neve tampouco é un impedimento para que os bebés boten unha soneca ao aire libre.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Novembro 6, 2013 por .
%d bloggers like this: